jueves, 23 de junio de 2011

TODOS OS FRAGMENTOS DO CREPÚSCULO


Françoise Gilot debuxada por Pablo Picasso

O escritor limítase a imitar un xesto sempre anterior.
ROLAND BARTHES

Todos os fragmentos do crepúsculo
ou o veo que transforma a cor da lámpada.
O retorno.
                  O inicio.
                                 O útero.
                                               O sabor da caverna.

Naquela época, igual que agora,
os homes pintaban mamuts ou a eles mesmos ataviados con aparellos de caza.
Logo, apareceu o busto de Nefertiti.
E, séculos máis tarde, o rostro de Françoise Gilot.

Mentimos, mentimos compulsivamente.
Entre o signo e a liña do horizonte,
a eterna delicia de non saberse.

Camiñamos de lombo sobre o deserto,
a súa infinita extensión.
Logo, virían as náuseas
e tivemos que permanecer inmóbiles por un intre.

De súpeto, todo comezou a dar voltas.
A locomotora rozou o cumio das espigas
e un grao saíu despedido polo impacto.

Comezou, deste xeito,
                                       a súa odisea a ninguna parte.

Natalia Alonso Ramos (2011)
Texto gañador do 1º premio na categoría de Poesía do II Certame Voces da Terra organizado polos Comités Abertos da Facultade de Filoloxía (USC).

No hay comentarios:

Publicar un comentario