miércoles, 25 de mayo de 2011

DIÁLOGO



Cando Laura esperta, xa non sinte a Raúl na cama. Escoita ruídos na cociña, debe de estar almorzando. Mira o reloxo espertador que se atopa sobre a mesiña de noite: xa son as once; a noite anterior tardou demasiado en conciliar o sono, menos mal que hoxe é sábado. Érguese, arróupase coa bata de casa e baixa as escaleiras. Entra na cociña: efectivamente, Raúl xa está rematando o almorzo. Recíbea cun amplo sorriso.

Estase a acabar o azucre, afirma el antes de que a cunca lle cubra media face, ata o nariz.
Esquecinme de mercalo, resposta Laura mentres senta e agarra as tempas coa man.
Dóeche a cabeza?
Un pouquiño, creo que durmín demasiado.
Non te preocupes, saímos agora a dar un paseo e xa verás como che pasa.

Raúl pousa a cunca sobre o prato e estende o brazo dereito coa intención de que Laura lle corresponda dándolle a man.  

Raúl, creo que temos que falar.

Laura olla fixamente para o brazo de Raúl pero non saca as mans das tempas.

Que ocorre?
Creo… Creo que preciso tomarme uns días para pensar, para pensar en nosoutros.

As bágoas rózanlle os ollos e comeza a sentir presión no nariz.

Non te entendo, que queres dicir?
Teño dúbidas sobre a nosa relación, non sei se son realmente feliz contigo.
Como? Pero ti toleaches, que che pasa? Claro que somos felices, se no ano que levamos casados nin tan sequera discutimos.
Non me refiro a un problema de convivencia. Teño dúbidas sobre o que sinto por ti. Quérote moito e non quero facerche dano pero non sei se estou namorada.

Os dous fican en silencio durante uns segundos. Laura arrinca agora un pelexo do dedo anular dereito. Raúl semella unha estatua inmortalizada xusto antes de morrer en acto de guerra.

Isto ten que ver coas túas viaxes a Vigo, verdade?

Laura non contesta.

Demasiadas viaxes en tan poucas semanas e sempre chegabas triste. Dicías que estabas moi cansa.
Tés razón. Existe outra persoa, un compañeiro de traballo ao que había anos que non vía. Chamoume hai un mes, cando fun a aquela entrevista, a cita era con el. Pero non che mentín, era unha verdadeira entrevista de traballo. Quixo verme outras veces pero non pasou nada, só falamos.
Se só fose iso non quererías deixarme.
Non pasou nada ata hai unha semana. Dende entón non volvemos a vernos.

Raúl érguese da mesa e comeza a andar en círculo. Laura eleva o ton de voz

Díxenlle que estaba confusa e que debía pensar, tomar unha decisión. Eu non quero facerche dano.

Raúl abandona a cociña e sae da casa dando un forte golpe ao cerrar a porta. Nese preciso intre, ao sentilo cada vez máis lonxe, ao escoitar como arrinca o motor do coche, Laura comeza a sentirse subitamente namorada, coma se o amor fose un sentimento que só se experimenta na soidade, coma se só fose capaz de amar pantasmas, corpos intanxibles que non poden abrazala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario