domingo, 8 de mayo de 2011

ACEPTACIÓN


Venus en el espejo de Velázquez


I

Espello fecundo. Lenzo de ser.

Ela e máis eu. Ela, diante de min.

Ela, coa súa beleza de asasina,

cabo exiguo que adenta no mar,

en dirección á pupila da terra.


Deberían as gaivotas rezar unha oración,

a pregaria que ela lles dite.

Arden as cruces no camposanto.

Ela, coa súa beleza criminal,

a súa arrebatadora beleza.

Ela e máis eu. Ela, diante de min.

Espello fecundo. Lenzo de ser.


II

Contemplei, durante os pasos, un cadáver que eu non era.

Camiñaba de lombo, coa túnica moura sobre o corpo.

Espectro anguloso. Dentes de rato. Enxivas.

Ela, coa súa beleza de virxe,

a súa descomunal beleza.

Ela que dispara coa precisión do francotirador.

Balas de ouro. Delirio de pétalos. Amor.


A verea que os pasos andaron no deserto.

Foi esta a construcción da catedral máis antiga.

Acendín candeas para alumear a excitación dos báculos.

Se o desexaba, tan forte, as torres tocarían o ceo.

Ela, coa súa beleza aditiva,

 a súa heroína beleza.

Procesión mitrada. Ramos de flores en brazos devotos.


III

Aprendo a venerarme coma se fose, nun templo, unha santa.

Apareceu o cadáver do espectro nunha poza chea de vísceras.

Craváranlle unha agulla na xema de cada dedo.

Ela, coa súa beleza doutro mundo,

a súa alieníxena beleza.

O vento provoca a sinfonía das árbores.

Espello fecundo. Lenzo de ser.

Ela e máis eu. Eu mesma, diante de min.


Natalia Alonso Ramos (2010)

Poema gañador do 2º premio do Certame A Pipa 10 da Alta Montaña Luguesa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario