martes, 15 de febrero de 2011

ENTROPÍA



E todo consistirá en trazar un rego mouro

que me transporte ao espazo da entropía.

Réptil alcatranado son

cara un soto que desborda

reloxos sen nariz e bonecas sen pupila.

A pota ferve e cuspe decadencia.

Comezo, entón, o éxodo infinito

da boa orde convencional,

do código,

do sistema de relacións,

para vestir, así, o máis fermoso veo arácnido,

desexo que se confunda coa pel

e se tinga no azul das veas.

Xa sinto os látegos do desconcerto,

ese escenario primixenio que foi o caos.

Convertida en rata teño máis fame de queixo.

Aquí, preto da terra e dos vermes.

Atópome abraiada!

Canta beleza pode residir nun cadáver de arxila,

no seu cabelo de herba seca.

Que ben respiro sen agullas que me inxecten o tempo.


Natalia Alonso Ramos (2010)

Poema publicado no número 11 da Revista Lucense de Creación Poética Xistral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario